Letras Galegas 2026

No IES A Pontepedriña celebramos o Día das Letras Galegas cun programa dedicado a Begoña Caamaño e ás mulleres de letras

Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, no noso centro desenvolvemos ao longo
do mes de maio un programa de actividades baixo o lema “Mulleres de letras!”, centrado
especialmente na figura de Begoña Caamaño e no recoñecemento das mulleres na literatura e
na cultura galegas.

As actividades comezaron o martes 5 de maio coa asistencia do alumnado de 1º de
bacharelato á conferencia de Ramón Nicolás sobre Begoña Caamaño, celebrada no salón
cultural de El Corte Inglés. Logo da pequena camiñada ata alí, os alumnos e alumnas
escoitaron, en voz dun dos biógrafos da escritora, como foi a traxectoria vital e literaria da
autora, así como o seu papel dentro das letras galegas contemporáneas.

Durante a semana do 11 ao 13 de maio, o alumnado de 1º e 2º da ESO participou en diferentes
propostas de carácter creativo e lúdico. Na biblioteca realizáronse pulseiras con lemas en
galego
, unha actividade pensada para promover o uso da lingua dun xeito próximo, visual e
participativo. Ademais, organizouse unha xincana polos corredores e outros espazos do
centro
, coa finalidade de coñecer mellor a figura de Begoña Caamaño a través da
investigación, o xogo e o traballo cooperativo.

O martes 12 de maio concentrou boa parte da programación. O alumnado de 1º de Bacharelato
elaborou un pódcast sobre Begoña Caamaño na Aula de Polos Creativos, contribuíndo así á
difusión da súa obra mediante un formato actual e comunicativo. Ese mesmo día, o alumnado
de 4º da ESO asistiu no salón de actos á conferencia de Concha Cid e Sara Doval, e
posteriormente alumnado de 1º de Bacharelato realizoulles unha entrevista, tamén na Aula de
Polos Creativos.

Como peche da celebración, o 13 de maio expuxéronse os traballos creativos sobre as
mulleres das letras
, realizados polo alumnado de 1º da ESO e 1º de Bacharelato. Esta
mostra, que se poderá ver ao longo da semana próxima, pon en valor a creatividade do
alumnado e serviu para visibilizar referentes femininos da cultura galega.

O conxunto das actividades, impulsadas polo departamento de Lingua galega e Literatura, o
Equipo de Dinamización e o Equipo de Biblioteca, contribuíu a converter o Día das Letras
Galegas nun espazo de aprendizaxe, creación e reflexión arredor da lingua, da literatura e da
memoria das mulleres que forman parte do noso patrimonio cultural.