Fondo solidario de libros de texto e axudas para adquirir libros de texto e material escolar

DOG – ORDE do 28 de abril de 2025 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2025/26 

Artigo 9. Presentación de solicitudes

1. Poderán presentar solicitudes de participación do fondo solidario de libros de texto e axudas para adquirir libros de texto e material escolar (modelo ED330B) os pais, nais, titores ou representantes legais do alumnado incluído no artigo 1.2. No caso de alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, presentará a solicitude a persoa titular da dirección do centro de menores ou a persoa coa que conviva en acollemento familiar.

2. A solicitude será única para todos os fillos e fillas e, de ser o caso, tutelados e tuteladas, que estean admitidos no mesmo centro docente para o curso 2025/26, e nela especificarase o nivel de estudos que espera realizar cada un deles no citado curso. Se estivesen admitidos en centros docentes distintos, presentarase unha solicitude en cada un dos centros, na cal se incluirán os admitidos nese centro para o curso 2025/26. No caso de que a solicitude se tramite por vía electrónica empregando a aplicación Fondolibros, será necesaria a presentación dunha solicitude por cada alumno, aínda que estean escolarizados no mesmo centro.

Cando o alumnado, no momento de presentar a solicitude, aínda non estea admitido en ningún centro docente para o curso 2025/26, deberá presentala no centro en que estivese matriculado no curso 2024/25. Este centro rexistrará a solicitude de maneira que acredite a entrada desta en prazo e enviaraa ao centro de destino en que o alumnado resulte admitido, que será o encargado da súa gravación e tramitación.

En caso de presentación (por vía electrónica e/ou presencial) de máis dunha solicitude, a persoa solicitante deberá presentar ante o centro docente un escrito indicando cal desexa que se tramite.

3. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica, mediante o formulario normalizado (ED330B – anexos I e II) dispoñible na aplicación informática (https://www.edu.xunta.gal/fondolibros/), a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente nos centros docentes ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica de solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluíndo o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. O formulario de solicitude tamén estará dispoñible nos centros educativos e na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Así mesmo, a aplicación informática Fondolibros (www.edu.xunta.gal/fondolibros) permitiralles aos centros docentes xerar solicitudes unha vez introducidos os datos.

5. A solicitude deberá estar asinada polo pai, nai, titor/a ou representante legal do alumnado, e a súa presentación implicará que acepta as bases da convocatoria, que cumpre os requisitos exixidos nela e que son certos os datos indicados na solicitude; así mesmo, que se compromete a conservar en bo estado e a devolver, ao finalizar o curso, os libros de texto e o material reutilizable recibidos do fondo solidario ou adquiridos coa axuda para libros de texto.