Ruta rosaliana

O Paseo do Espolón de Padrón, coa súa estatua de Rosalía de Castro, inaugurada
en 1957 ante milleiros de veciños e veciñas, foi a primeira parada dunha Ruta
Rosaliana organizada polo Departamento de Lingua Galega e Literatura do IES
que guiou o profesor e escritor Manuel Lorenzo Baleirón para o alumnado de
1º BAC.
A actividade procurou achegar algúns dos espazos vitais máis importantes da
vida da poeta, e levounos logo á casa da súa nenez (antiga rúa do Sol); á Igrexa
de Santa María e mais ao cemiterio de Iria Flavia, onde foi soterrada nun
principio a escritora, tal e como ela desexara nalgúns versos; ao Pazo de
Arretén, casa grande que pertenceu aos seus antepasados maternos e,
finalmente, á Casa da Matanza, derradeiro fogar de Rosalía e sede
dunha Fundación dinámica e exemplar que fomenta e difunde intensamente a
memoria da autora e que se converteu xa nun símbolo que nos convoca arredor
da escritora.
En todos eses espazos vitais esenciais para Rosalía, Manuel Baleirón falounos
da súa vida, da súa obra e, en xeral, do mundo en que medrou e formou a autora:
o século XIX. Neste tempo, un grupo de intelectuais, logo de séculos de
esquecemento, fixeron rexurdir a nosa literatura e a nosa lingua, ese grande
patrimonio herdado dos nosos devanceiros que debemos preservar.
E xa para rematar, Manuel Baleirón, mestre, historiador, filósofo, grande
apaixonado das matemáticas, da astronomía, da botánica e da literatura, e, sobre
todo, grandísimo lector, animou o alumnado a ler… a ler con criterio, para
desenvolver un pensamento crítico que os leve a loitar por un mundo máis
xusto, equitativo, e en paz.