Aula de excelencia: Xenios sen manuais.

O proxecto “Aula de Excelencia: xenios sen manuais”, do IES A Pontepedriña, configúrase como unha actuación educativa orientada á mellora da calidade do ensino e á atención axeitada ás Necesidades Específicas de todo o alumnado do centro, do que require de Apoio Educativo (NEAE), en particular do alumnado con Altas Capacidades Intelectuais (AACCII), alto rendemento académico ou elevada motivación polo aprendizaxe.

A posta en marcha deste proxecto foi aprobada polo Claustro do Profesorado e polo Consello Escolar do centro, en setembro de 2025, así como acordada en coordinación co Equipo de Orientación Específico (EOE), en xuño de 2025, no marco das competencias de planificación educativa e atención á diversidade propias do IES, garantindo así o consenso da comunidade educativa e o rigor pedagóxico da súa implementación.

A experiencia educativa e a práctica orientadora evidencian que o alumnado en xeral e, especificamente, o alumnado con neurodiversidade e/ou altas capacidades intelectuais é, en moitas ocasións, un colectivo moitas veces esquecido; especialmente en centros cunha elevada diversidade de perfís, necesidades educativas e contextos socioculturais moi variados. No IES A Pontepedriña convive un alumnado moi heteroxéneo, con numerosos casos que presentan distintas Necesidades Específicas de Apoio Educativo, o que fai necesario deseñar respostas flexibles, inclusivas e non excluíntes dentro do marco de currículum ordinario.

Neste sentido, a “Aula de Excelencia: xenios sen manuais”, concíbese como un programa de enriquecemento curricular de carácter inclusivo, que evita calquera forma de segregación e está aberto á participación de todo aquel alumnado que manifeste interese, motivación ou capacidade para asumir retos de aprendizaxe máis complexos.

A pertinencia do proxecto fundaméntase, polo tanto, na necesidade de ofrecer propostas educativas estimulantes que permitan visibilizar e desenvolver o potencial do alumnado, evitar a desmotivación e o infraaproveitamento das capacidades, e promover unha resposta educativa equilibrada, nun centro caracterizado pola súa diversidade, ao tempo que se impulsa a innovación metodolóxica e a mellora continua da práctica docente.

O proxecto “Aula de Excelencia: xenios sen manuais” vai dirixido ao alumnado do IES A Pontepedriña, entre 2º de ESO e 1º de BACH, que manifeste interese, motivación e disposición para participar en propostas de aprendizaxe de carácter enriquecedor. A difusión do proxecto realízase de maneira aberta a través das aulas, dando a coñecer ao alumnado os seus obxectivos, características e funcionamento. A partir desta presentación inicial, os alumnos e alumnas interesadas, póñense en contacto co departamento de orientación, iniciándose así un proceso voluntario de incorporación ao proxecto.

Posteriormente, unha vez recollido o interese do alumnado, procédese ao deseño e planificación do seu itinerario ou proxecto de participación, que se desenvolve de maneira guiada e acompañada pola orientadora do centro (Marga Merlos) e polo profesorado coordinador deste proxecto (Carmen Fernández e Isabel López Otero) . Este proceso garante unha atención personalizada, axustada ás capacidades, intereses e ritmo de aprendizaxe de cada alumno ou alumna.

O traballo e as tarefas vinculadas ao proxecto implican unha dedicación e un tempo que exceden o realizado durante as horas lectivas no IES. Por iso, tamén é preciso o compromiso e a implicación da familia.

A participación no proxecto é voluntaria e está aberta ao alumnado que manifeste interese e motivación por él.

Cada proxecto conta coa participación de profesorado pertencente a un mínimo de dous departamentos e un máximo de catro, o que permite unha abordaxe interdisciplinar das diversas actividades e unha coordinación máis eficaz.

O departamento de orientación, coa axuda da profesora de economía Isabel López Otero, encargarase da coordinación do proxecto, do asesoramento pedagóxico, do acompañamento do alumnado e do seguimento do seu proceso de aprendizaxe, en colaboración co profesorado implicado.

Co obxectivo de fomentar a difusión do coñecemento xerado polo alumnado e promover a transferencia de información sobre temas de interese académico e social, os proxectos realizados no marco deste programa son divulgados publicamente. Esta divulgación terá un carácter informativo, garantindo que os contidos compartidos sexan de utilidade educativa e cultural para a comunidade.

Para asegurar un alcance máis amplo e accesible, os proxectos publicaranse en plataformas institucionais, como a páxina web do centro, redes sociais oficiais e/ou exposición, dos produtos finais destes, no propio centro o noutros espazos cedidos polo Concello. A súa publicación permitirá visibilizar o traballo do alumnado, incentivar a participación activa e estimular o interese pola investigación e a creatividade entre o alumnado e a comunidade educativa en xeral.

ALUMNOS PARTICIPANTES NO CURSO 2025-26 E PROXECTOS RESULTANTES:

Antón Cao Oubiña. 2º ESO: “Construcción dun espectrómetro e análise de espectros de fontes luminosas”

Departamentos que colaboraron: Tecnoloxía e dixitalización (Flor Dominguez) e Física e Química (Jaime Pérez).

A súa curiosidade por obter información e saber de onde sae a luz levou a este alumno a escoller o proxecto con este título. Está moi satisfeito cos resultados e co acompañamento recibido por parte dos profesores Flor Domínguez e Jaime Pérez. Ser un «Xenio sen manual» no IES A Pontepedriña superou as súas expectativas. Está moi contento con todo o que aprendeu e por poder construír un aparello que lle permite comprender aspectos que lle espertaban unha enorme curiosidade. Se estades interesados no espectrómetro de Antón, aqui o tendes.

Claudia Fuentes Iglesias. 2º ESO: “A criminoloxía versus a criminalística”

Departamentos que colaboraron: Lingua Castelá (María Carbajo) e Bioloxía (David Abdón).

A motivación desta alumna xurdiu arredor do ano 2020, cando comezou coa lectura da triloxía “Asesinato para principiantes”. Tras lela, iniciou o seu interese por esta ciencia, pois o seu maior desexo era converterse nunha gran profesional da criminoloxía. Cando lle propuxeron participar na Aula de Excelencia, viu a oportunidade de centrarse neste tema e sacarlle un gran proveito.

Inicialmente Carmen Fernández, profesora coordinadora da Aula de Excelencia, púxoa en contacto con Diana Parente, unha inspectora de policía de Santiago, que tamén é criminóloga. Pero foi máis alá na investigación e acabou entrevistando ao profesor, investigador e Doutor Ángel María Carracedo. A través dese traballo obtivo moita información interesante. Todo o traballo le permitiu establecer unha diferenciación clara entre criminoloxía (Por que suceden os crimes?) e criminalística (ciencia que recolle a parte científica dos crimes). Inicialmente, os artigos proporcionados polo profesor de bioloxía alonxábanse da temática que era do seu interese, pero falou con él e éste redirixiu as súas propostas cara lecturas relacionadas con ADN, PCR… Pouco a pouco profundizou na parte da CRIMINOLOXÍA, soubo darlle un xiro o traballo, pois non se identificaba coa liña que quería seguir o profesor David Abdón. A investigación permitiulle presentarse ao concurso PRENSA ESCOLA da Voz de Galicia, maquetando e dando forma á entrevista que lle realizara ao Dr. Ángel Carracedo coa colaboración da profesora de lingua castelá María Carbajo. Despois, co estrés dos exames deixou o proxecto un pouco aparcado, pero enseguida o retomou e, pouco a pouco foi avanzando.

Claudia está moi satisfeita coa aprendizaxe realizada e conseguiu afianzar o seu interese e vocación profesional futura. Aquí tendes o resumo do seu proxecto:

Shibo Chen. 3º ESO: “Escudo nacional de Méjico: A águia e a serpe”.

Departamentos que colaboraron: Lingua Castelá e Literatura (Susana Iglesias) Educación Visual e Plástica (Xose A. Alonso Pallás).

Shibo quería realizar un proxecto na súa especialidade: a técnica do origami (arte xaponesa de dobrar papel para crear figuras tridimensionais sen usar tesoiras nin pegamento) Practicala é algo que lle gusta e non o cansa. Quería deseñar e crear algo que lle supuxese un reto persoal; quería «facer algo grande», algo que realmente requirise un esforzo importante para él. Unha vez tivo elexido o deseño, unha águia cunha serpe na boca, completou o seu proxecto explicando o significado que este animal ten para a cultura de México, pois é o elemento que aparece representado na bandeira deste país. Este é o seu proxecto:

Julia López Sánchez. 3º ESO: Estadísiticas dos niveis de estudo nas persoas da terceira edade”

Departamentos que colaboraron: Matemáticas (Carlos Vázquez) e Lingua Galega (Rafael Xaneiro)

A alumna coñecera unha residencia de maiores, cando cursaba 1º da ESO, nunha actividade de lectura de poemas de Rosalía de Castro, organizada dende o IES. Durante a visita decatouse de que moitas persoas maiores se emocionaban porque non puideran estudar e espertóuselle a curiosidade por saber que acontecera nas súas vidas para que iso fose así.

Investigalo permitiulle decatarse da gran sorte que temos e que, con frecuencia, non valoramos, ao poder acceder a unha educación obrigatoria e universal. Julia quere explicarnos coa súa aportación que hai que crear conciencia da importancia da educación no momento actual e futuro.

Nazaret Nut Pena Álvarez. 3ºESO: “A voz dos sin voz”

Departamentos que colaboraron: Lingua Galega (Paula Pais) e Historia (Teresa Fernández).

Nazaret quixo dar voz ás persoas que sufriron acoso escolar, xa que ela mesma recoñece ter vivido esta realidade durante etapas anteriores da súa vida. A través deste traballo, pretendeu expresar unha experiencia persoal que marcou profundamente o seu desenvolvemento emocional e social, transformándoa nunha ferramenta de reflexión e concienciación.

O seu principal obxectivo foi visibilizar unha problemática que continúa estando presente en moitos centros educativos e que, en numerosas ocasións, permanece silenciada por medo, vergoña ou falta de apoio. Ao compartir a súa propia vivencia, Nazaret busca que outras persoas que se atopen ou se teñan atopado en situacións semellantes se sintan identificadas, comprendidas e acompañadas.

Aqui tendes o seu traballo:

Nubo Bañobre Gómez. 3º ESO. “Coming undone de KoЯn interpretando os catro instrumentos: voz guitarra, baixo e batería”

Departamentos que colaboraron: Música (Adrián Méndez), Educación Visual e Plástica (Xose A. Alonso Pallás) e Lingua Inglesa (María González).

Nubo cóntanos que sempre quixo facer un vídeo ou unha versión musical, por si mesmo, e que este curso, co proxecto «Aula de Excelencia: xenios sen manuais», tivo a oportunidade de materializalo e obter, así, un dobre beneficio: mellorar a súa cualificación ao mesmo tempo que realizaba unha proposta interesante.

En xeral, está contento co traballo realizado, pois lle permitiu facer algo cando se aburre e, de paso, realizar unha aprendizaxe amplo e útil na gravación musical e a necesaria busca de materiais. A parte máis difícil é a súa difusión, pois él considera que a música é un acto íntimo e cústalle aceptar que sen difusión perde impacto e parte da súa potencialidade.

Aquí nolo deixa:

Érik Barral Souto. 3ºESO: “Neurociencia musical”

Departamentos que colaboraron: Música (Adrián Méndez) e Bioloxía (Paz Peña)

Érik sente unha fonda paixón pola música e un grande interese pola bioloxía, dúas disciplinas que decidiu combinar neste proxecto de investigación. O seu obxectivo partiu do aproveitamento dos seus estudos musicais para analizar e comprender o impacto que a música exerce sobre o cerebro humano, tanto a nivel cognitivo como emocional. O proxecto «Neurociencia musical» permitiulle ampliar os seus coñecementos sobre diferentes autores, estilos e correntes musicais, así como afondar nos mecanismos neurolóxicos implicados na percepción e no procesamento da música. Ademais, a investigación contribuíu a desenvolver unha visión máis ampla da relación entre arte e ciencia, descubrindo como os estímulos musicais inflúen na memoria, a atención, as emocións e a capacidade perceptiva do noso propio corpo.

Velaquí o seu traballo:

Sara Jacome Rodríguez. 4ºESO: “Os avances médicos na II Guerra mundial”

Departamentos que colaboraron: Bioloxía (David Abdón) e Historia (Teresa Fernández)

Sara sente un grande interese por coñecer cales foron os avances médicos que se produciron durante a II Guerra Mundial, porque quere estudar Medicina. A súa nai é profesora de Medicina na USC e axudouna na investigación, proporcionándolle materiais e a súa experiencia como investigadora.

Desde o principio estivo moi motivada coa elección da temática e o seu grao de satisfacción co traballo é moi alto, pois descubriu moita información que descoñecía. Entre elas o impactante descubrimento de saber que algunhas das técnicas diagnósticas que se usan hoxe en día tiveron a súa orixe nos campos de concentración nazi.

Si tivera que resumir que lle aportou a realización deste traballo, sería ENTUSIASMO e FASCINACIÓN.

Este é o seu traballo:

David Rovetto Castiñeiras. 4ºESO: Identidade cultual e visibilidade das bandas locais de Santiago de Compostela“

Departamentos que colaboraron: Lingua Galega (Patricia Arias) Tecnoloxía (Julia Taboada) e Música (Adrián Méndez)

David é un apaixoado da música, en xeral, e un seguidor incondicional do rock e do heavy.

Co deseño do seu proxecto propúxose contribuír a poñer en valor diferentes artistas emerxentes e non comerciais que actúan nas rúas e nos locais de Santiago de Compostela. David é consciente de que existen moitas bandas pequenas, descoñecidas e pretende, con este traballo, facer todo o posible para contribuír á súa difusión.

Tódolos artistas entrevistados mostráronse colaboradores, accesibles, receptivos e cordiais. Advírtenos, antes de que visualicemos o seu vídeo, que un deles utilizaba un vocabulario non moi apropiado, incluindo tacos. Para él, a máxima dificultade foi desprazarse para poder atopalos e entrevistalos, xa que dispón de pouco tempo para as súas actividades e os desprazamentos resultáronlle complexos.

A palabra que define o seu traballo é TOLERANCIA (pois hai que aguantar a moitos ¨personaxes singulares¨). No mundo da música necesítase moita formación e coñecementos, pero, a pesar de todo, formar parte dun grupo de rock sería a súa paixón.

Déixanos o seu traballo:

Gabriel Tomás García Vázquez. 1º BACH: “Foi mellor onte que hoxe?”

Departamentos que colaboraron: Tecnoloxía (Julia Taboada), Filosofía (Alberto Fernández), Lingua galega (Paula Pais) e Lingua inglesa (Warenka Mora).

O alumno reflexiona filosoficamente sobre unha afirmación que, con frecuencia, se repite nas nosas conversacións: as cousas xa non se fan como antes, pois antes se facían mellor. Certo?, Falso?, Por que se afirma?, É obxectiva a afirmación? Gabriel propúxose elaborar un vídeo interactivo a través do cal identificar se o día de hoxe foi, mellor ou peor que o de onte.

Por diferentes motivos, Gabriel non puido presentar o vídeo en lingua inglesa e galega polo que non está plenamente satisfeito co resultado, pero sí ilusionado con podelo entregar para que o visualicemos, polo menos, en castelán.

Velaquí o seu traballo:

E para rematar este artigo só queda agradecer ás profesoras coordinadoras o seu labor de organización e facilitación dos proxectos e de maneira especial a todo o profesorado que acompañou e asesorou cada unha das iniciativas do noso alumnado ao longo da súa realización.

Facer unha sentida mención ao seguinte profesorado:

  • Jaime Pérez
  • Flor Domingo
  • Adrián Méndez
  • David Abdón
  • María Carbajo
  • Susana Iglesias
  • Sandra Fernández Arias.
  • Xose Antonio Alonso Pallás
  • María de la Paz Peña
  • Beatriz Quintela
  • Teresa Fernández
  • Carlos Vázquez
  • Patricia Arias
  • Paula Pais
  • Rafael Xaneiro
  • Julia Taboada
  • María González
  • Warenka Mora
  • Sara Moreno
  • Alberto Domínguez

Grazas a todas e todos, continuemos apoiando a creatividade, o esforzo, a neurodiverxencia e a xenialidade sen manuais!